Centro de Documentación da AELG
A esfinxe de Amaranto
Val, Marga do
Autores/as relacionados/as:

Antón Riveiro Coello: A esfinxe de Amaranto, Vigo, Editorial Galaxia, 2003.


A esfinxe de amaranto é unha novela que mostra unha vez máis o dominio da técnica narrativa do seu autor, Ribeiro Coello, que deleita co seu estilo literario e coa riqueza lingüística que sempre o caracteriza. Mestre da palabra e consolidado narrador, desde As rulas de Bakunin (Editorial Galaxia), recentemente reeditadas, até a beleza e contida emoción que se respira en cada páxina da brevidade de A canción de Sálvora (Edicións A Nosa Terra) Ribeiro Coello nunca é un fraude. A esfinxe de Amaranto é unha novela de amor, simbolizada na planta do amor eterno, o amaranto. Un amor vivificado en cada unha das personaxes femininas que arrincan do mesmo estripeiro exótico e enigmático: O Amarante, un portugués que asenta o seu pasado da colonia de Macao nas terras do Couto Mixto. Amor que vai vestindo roupaxes de segredos, remorsos, culpas e vinganzas, gardado pola esfinxe que xorde en forma de bolboreta de porcelana nas mans do xigante de Magarelos, que vai escachar como o interior de Rosa, unha rapariga de 12 anos, cómplice e víctima, dun amor posesivo que mata. Esfinxe que o verdugo encola e que Rosa vai transmitir como os seus segredos nunha derradeira cea. Bolboreta curada símbolo do actuar de Rosa,  que non dubida en sacrificar a súa dignidade, nin en se valer da mentira e dos silencios para manter e vivificar o amor que comparte con Nicolás. Esfinxe que tamén é buguina branca, labirinto ou espiral.

A estructura da novela desenvolvida ao longo de vinte e seis capítulos, fainos camiñar ese labirinto, seguindo as voces narradoras das personaxes femininas: Rosa, a avoa, transmisora do pasado e Verónica, a neta, que recibe ese pasado e vai ela mesma na súa procura, para atopar a liberación que lle abra as portas ao futuro. Ben escollida está a voz heterodiexética que nos fai partícipes dese cadro que conforma a derradeira cea e que xorde noutros capítulos da novela para contar a relación de respecto entre Rosa e Delfín, o veciño fiel. Estructura que nos fai alucinar pola espiral da buguina, da que se parte, unha buguina de amaranto, da que vai saír finalmente Rosa. Unha alucinación provocada polas plantas alucinóxenas, con elevadas doses de cicuta e estraloques, disimulada en fariña de amaranto, tal e como se nos descobre no derradeiro capítulo. Espiral que é a da descuberta, a da viaxe de regreso á casa, casa feita estirpe, alianza entre o pasado e o futuro, fábrica de nostalxia, de vinganza e do trunfo do amor e da verdade. Esa descuberta é a de Verónica, reclusa nunha estraña orfandade a acariñar as letras metálicas dos nomes de Aníbal Lobo Acevedo, o Amarante, da súa filla Carlota, menciñeira, da bisavoa Carme, nai do seu avó Nicolás. Xenealoxía narrada con pel de muller. Estructura levada polo tempo cara adiante de Verónica, precipitando as últimas descubertas, fíos de verdade ocultos dos que a súa avoa Rosa, xa nunca saberá. Un tempo cara atrás desde esa alucinación final de Rosa, até que Verónica a atopa, no derradeiro capítulo para pecharlle as pálpebras e “negar a vida que aínda semella saírlle polos ollos”. Tecido temporal que mostra os preparativos da cea que fai Rosa, coa descuberta da verdade agochada nunha carta da historia do avó Nicolás e a súa vida en Cuba. Había un ano que morrera Nicolás cando a avoa Rosa decide a súa derradeira cea e transcorre un ano para que Verónica inicie a viaxe desde o outarelo do camposanto e por entre eles, como faíscas de luz, asistimos á infancia de Rosa, á noite dos seus doce anos, á fuxida a Lisboa, aos dictados nos soños das receitas da avoa Carlota anotados nun caderno. Asistimos á perda da memoria de Nicolás que vai apresando as súas derradeiras palabras noutro caderno. Configuramos a vida das outras figurantes dese cadro da derradeira cea: a de Violeta, Helena, Margarida, Delfín ou María. Sen que cobren moita importancia as de Luís, Pedro ou Fernando. Porque as personaxes son Rosa e Verónica, elas teñen a voz, e levan a vida de Carlota, Hortensia, Carme, Violeta e mais Helena, nomes de flores escollidos mentres con teima se cultivaba o amaranto. E ese remate de Rosa puido ser tamén o de Carlota que tamén escolleu unha morte doce entre os sucos da horta.

A espiral ou labirinto da buguina móvese entre dous espazos: o da casa de Tosende, a cantina do Amarante, no territorio do Couto Mixto, e o da casa construída por Nicolás e Rosa na aldea do Vilar, no Barbanza, polo cádrante das sereas. No principio a casa da costa, a praia, a rocha e Rosa, a casa das ceas e dos sabores herdados, a dos paseos con Nicolás. A casa que pecha un amor inmorredoiro, idílico,  tecido con ocultacións e segredos que viñan de lonxe. Casa da costa, arca feliz de recordos. Vida de Nicolás e Rosa, “escolma de recendos que se asentan na memoria dun xeito definitivo”, “Mundo exclusivo que ambos os dous crearon con vontade de amantes”, na beira do mar que é unha obra de arte. Casa da costa edificada do mesmo xeito ca de Tosende, para figurar un regreso desde a fuxida a Venezuela, desde o Restaurante Carlota. Lugar que se abre ao futuro engarzado nas lendas da lagoa de Carregal e do pazo da cidade asulagada de Reirís, que a nena Verónica recibe de Delfín, relatos de maxia que constrúen territorios literarios. Tamén aquí lugar para segredos, construcción das mentiras que “como un maleficio, transitaron a póla feminina da familia”.

A cantina de Amarante, pola contra, alá en Tosende, orixe e destino final, procura da verdade que se fai tanxíbel no regreso de Rosa-Verónica, na domesticación dun espazo que era ignoto e mítico, co encontro da foto do bisavó Leonardo, á par da de Franco, dos anacos de prensa en chinés e portugués datados en 1857 que lle fan aventurar a herdanza xenética dun pasado corsario ou da palmeira diante da casa símbolo do exótico. Mais é a conversa cun vello, voz da aldea, a que lle tece unha versión da historia da familia na que “aniñan especulacións, mentiras, medias verdades, e certezas” que Verónica descoñece. E será a estancia na casa de Ramón da Fonte e de Palmira, que forman parte do pasado, a que lle mostre outras versións e a historia oculta do avó Nicolás contada con el nunha carta. As cartas teñen moito de intrusismo no relato, teñen o poder do documento lexítimo incuestionábel, unha delas chega demasiado tarde, é “a chave da artesa na que se gardan os silencios culpábeis da familia”, en poder de Narciso, supervivente e derradeiro habitante da infancia de Rosa. A carta é da nai, Hortensia, para a filla Rosa, e non está de máis, xa que é necesario facer tanxíbel na escrita a vinganza, mostra dun trunfo reparador, e fai entrar a Hortensia na dimensión da heroicidade, ao atreverse a dar  morte, e concilia a relación nai-filla lonxe da mitoloxía tráxica.

Será Verónica a derradeira póla deste maleficio ao non poder ter fillos de seu, ao agardar unha adopción, mentres esta non chega, concédeselle unha maternidade simbólica, pois é ela a que posúe a Casa de Amarante e os cadernos que gardan os segredos culinarios da bisavoa Carlota  e a memoria embazada do avó Nicolás.

É tamén A esfinxe de Amarante un regreso ao Couto Mixto, universo literario do autor, entre a Serra do Larouco e o Cebreiro, arrolado polo Río Salas que vai ao Lima, e cos enigmas da Serra da Pena, onde tamén regresa na súa derradeira alucinación Rosa na espiral da buguina. Como a personaxe de Rosa, Verónica, e tamén Ribeiro Coello, asume interiormente unha terra coa que vai tecendo íntimas raigames, implicación persoal coa xenética e coas e cos maiores que habitaron esas terras, escribir para inventar ese pobo que falta. Compromiso para que non se perda a toponimia co derradeiro vello asmático da aldea, para que non se perda unha fala tecida nas lareiras. Compromiso o de Ribeiro Coello co seu Couto Mixto, territorio literario dos soños apátridas. Compromiso coa estética que unha vez máis se fai gozosa.