Centro de Documentación da AELG
Limaiaé - Primeira memoria
Riveiro Coello, Antón

Limaia é o agarimo da pequena patria ferida, o río eivado, asombrizado de amieiros, a sambesuga que arrastra cicatrices polo ventre calcario dos campos elíseos, as lamagorzas estantías das ras da Marquesa a reloucaren tristuras resignadas, os lemedoiros lentorecidos onde medran bións e a silueta de cínifes do rei Artur.

Limaia é a chaga líquida dos túrdulos espasmos, a íntima xeografía de atrofia e de veigas desecadas, as límicas saudades que aínda lembran a caricia centea dunha lavandeira moza, esa que deita no lagadoiro das Riscas todo o liño dun namoro, o amor probado alén da casarella, nas palafitas douradas da asolagada Antioquía, cos seus galos apoleirados no cataventos a amolaren os lobos enforcados nos badalos.

Limaia é apañar nichas no Carpazal, bugallos na Carrasqueira, xuncos no Carregal, un tremor vagante que apalpa a substancia patria de buxainas e billardas no Toural, xogos de espada(na)s que recusan o avance murado do esquecemento, mitolóxicos fascinios de aguias imperiais tremolando no medo neno dun estandarte, a meiguice mamífera dos ollos dese boi enrellado que, nos secos dun cadabullo, pace o riso amarelo dunha margarida heroica.

Limaia é negar a morte parcelada das pontes, dos fontarigos úbedos, das verbas húmidas que anainaban os nosos ouvidos, das cigoñas validas de Tesalia que voltaban por primavera, das vinte cabezas degalladas daquel carballo que no toco deixou impresos os asentos xenéticos dunha espiral memorizada.

Limaia é soñar o tremedoiro das metáforas, o río de cinsa,  a regaña discorde das andainas militares, as emocións lacustres, as poldras atariñantes, as pasaxes enfeitizadas, os célticos sangues.

Limaia é un desougue lírico, a esforzada parábola da auga a se debruzar polo perfil recortado dunha vella nacenza, o anosar de corpos aseiturados, esmagados por esta galbana de vrao que esquece a presen(te-n)za desta levada amortecida para (re)inventar as (re)voltas vivas daquel Leteo afiuzado que, como unha cordovea musculada, segue a cobreguear distancias nas couzadas pétreas da memoria.