Centro de Documentación da AELG
Espiral Maior propón para ler este verán catro poetas

Espiral Maior propón para ler este verán catro poetas

Xela Arias regresa tras sete anos de silencio xunto a Kruckenberg, Marta Dacosta e Antía Otero

maré\Santiago
 
     Poetas cunha traxectoria consolidada desde hai anos, como María do Carme Kruckenberg, e poetas que teñen por vez primeira o seu contacto cos lectores, como Antía Otero, compoñen a aposta de Espiral Maior para este verán, con catro títulos que teñen en común o seren todos eles escritos por mulleres e marcaren catro liñas formais distintas de indagación no verso. 
     Considerada, nestes momentos, como a máis importante colección de poesía das últimas décadas en Galicia, Espiral Maior abre a súa proposta estival con Intempériome, o regreso de Xela Arias (Lugo, 1962) ás librerías, tras sete anos de silencio que agora se converten nun libro de pequenos poemas, marcados pola transparencia expresiva e un abano temático que revisa as fantasmas íntimas e cotiás.

     A emoción, protagonista do último libro de Kruckenberg\

     María do Carme Kruckenberg (Vigo, 1926) chega ó número catorce dos seus poemarios publicados con Lembranzas de beleza triste, un libro no que esta poeta dos anos escuros reflexiona sobre o paso do tempo, os recordos, a inesgotable ansia de amar ou a necesidade de non renunciar nunca á vida. "Non bastan as palabras que te deixan / fermosamente dolorida, / é preciso o intercambio de saliva / onde se estrelan os zumes que ruben / ata o delirio da fantasía'', escribe María do Carme Kruckenberg nun dos seus últimos poemas. 
     As amantes de Hamlet é o título que elixiu Marta Dacosta para un poemario que afonda na liña tracexada por esta autora desque, en 1998, publicou Pel de ameixa: a muller como icona e inspiración, como rebeldía e como reivindicación. Un libro poboado por numerosas heroínas anónimas pero tamén polos grandes nomes que marcan boa parte da mítica clásica contemporánea na lírica galega: Penélope ou Ofelia. 
     A proposta de Espiral Maior péchase co debut de Antía Otero unha poeta nacida na Estrada en 1982 que se presenta ó gran público con O son da xordeira, unha peripecia formal que á poeta lle permite tocar a vida cotiá desde unha postura na que a realidade é sombriza e, ó mesmo tempo, misteriosa, enigmática, punxente.