..." Segundo
as estimacións, entre un trinta e un cincuenta por cento das mulleres do planeta son golpeadas e humilladas polos seus compañeiros." (La Voz de Galicia. 26. nov. 2000, páx 31) |
1.
Que me amaba
que daría por min
que subtraería do seus ollos
o sol
para así iluminar o altar
no que me adora
que serían poucos os días
que puidese beber
sen esgotar a sede
cando nada se verque sen min
nos pradairos.
2.
Íalle todo en mirar
a calor do meu corpo
o seu corpo
o sempre posuído
no altar
como enfermos
e toda a enfermidade comigo
que tanto me ama
cando me ve fregando
as frías baldosas do noso amor
con lixivia
3.
A min que tanto amas e destrozas
veñen lentas as fías dos remorsos
enredar a culpa:
para a miña contemplación
deitas o teu corpo de narciso
no alcatrán
e que pasen quilómetros
por riba do teu peito de amante estrábico
Tanto te me entregas
a min
trabada estatua do espanto
4.
Que o alcatrán penetre
soldada a dor
ós teus desexos
desexas
e faise en mín
a desolación
5.
Meu amante de alcatrán
tingue vermella a melena
dos días
peitéoos eu
devastada
6.
Desfaime as dobras
meu amor
de lixivia
que eu zurzo os ollos
para así non te ver
pois tanto te temo
7.
A min que tanto amas e destrozas
naceranme os labios
e será razón.