Do humanitismo e do antifilisteísmo
(Machado de Assis e Vicente Risco)
Alva Martínez Teixeiro
Todavia, importa dizer que este livro é escrito com pachorra, com a pachorra de um homem já desafrontado da brevidade do século, obra supinamente filosófica, de uma filosofia desigual, agora austera, logo brincalhona, cousa que não edifica nem destrói, não inflama nem regela, e é todavia mais do que passatempo e menos do que apostolado.
(Brás Cubas)
Nun primeiro momento, abordaremos neste relatorio as liñas parafilosóficas presentes nas narrativas que van ocupar este noso breve percurso, nomeadamente O porco de pé (1928) de Vicente Risco e mais Memórias póstumas de Brás Cubas (1881) e Quincas Borba (1891) de Machado de Assis.
Nos diferentes momentos interseculares en que foron publicadas, a mentalidade occidental admite, quizais por última vez, ser interpretada poñendo a mirada no modelo vixente da ciencia. No relativo á literatura, este dócil sometemento costumou provocar dous sentidos diverxentes, que chegan a parecer case contrapostos: a narrativa realista de pretensións científicas, isto é, a literatura adaptada á ‘física social’ comtiana, e a salvaguarda da arte pola arte, co seu rexeitamento do sórdido e a nostalxia da beleza.
O progreso, emblema e finalidade última do dogmatismo científico, chega así a ser suposto universal xa dende inicios do século XIX, indiscriminada e desvairadamente aplicado, inclusive á literatura, como mostra a existencia, por exemplo, de informes elaborados a petición do emperador Napoleón III sobre o progreso das letras e da poesía, nada menos que polo propio Théophile Gautier. Non obstante, comeza a dubidarse décadas despois se hai un progreso real para todos e non para uns poucos a expensas dos máis. É neste espazo de incerteza onde se sitúan as tres narrativas obxecto de análise, nunha terceira vía de reacción cáustica contra os paradigmas dos progresismos máis esperanzados da altura, interpretados agora como inerciais e mesmo desalentadoras doutrinas para a humanidade.
Consideramos posíbel establecer unha relación comparatista entre as obras, pois a intención dos autores no aspecto que nos ocupa é, se non análoga, si fronteiriza e complementaria: o propósito de proxectar a discusión, ou antes a denigración de ideas filosóficas a través dunha trama ficticia. O deseño narrativo coincidente consiste na transfiguración e na humanización de concepcións doutrinais en personaxes librescas: o pensador Quincas Borba encarnaría, nos dous romances machadianos antes referidos, a radicalización máis desvairada das teorías en voga como o Naturalismo evolucionista e o Positivismo, mentres as personaxes d’O porco de pé darían corpo ao máis bufonesco e disonante dos nominalismos.
Non se trata, no entanto, de subordinar a narrativa ao conturbado contexto da disputa ideolóxica, mais de encardinala, a través dunha benhumorada e cáustica mordacidade, de modo que o lector extraia sen esforzo algunha conclusión edificante de teor ideolóxico. A crenza xeradora desta abordaxe asenta na idea de que a partir da utilización de estratexias ironizantes e tácticas humorísticas pode edificarse unha comunidade de lectores máis ampla. De feito, se os autores tivesen expresado sen máis a súa oposición aos elementos e aspectos visados, con estrataxemas e modos máis mesurados e graves, o resultado podería ser máis estremecedor, mais non máis convincente e/ou contundente, pois unha lexión de lectores, probabelmente, terían dado un paso atrás.
De feito, a forma satírica pode ser compartida de modo distendido por todos os que teñan unha antipatía, consciente ou inconsciente, por algún dos elementos retratados, convertíndose tamén o lector en padecedor da rede de connivencias tendida polos hábiles autores.
É así que, partindo da mestura do razoábel, do medio razoábel e do demencial, nos resulta posíbel por vía dedutiva construír unha visión sólida e convincente da intencionalidade subxacente. Dentro da marabillosa coherencia (exclusivamente formal) das teorías detentadas polos personaxes, asistimos só á comparecencia de pequenas incoherencias controladas até a fin. Cunha racionalidade finxida e impostado interese, son presentados pensamentos soltos, ocasionais intuicións e manifestacións emotivas a que, de maneira imperceptíbel, se vai proporcionando unha estrutura grotescamente dramática e condenatoria, superando así o carácter eminentemente fluído dos respectivos percursos narrativos. Ambos os autores únense nesta perspectiva aos lectores para xuntos poderen observar alá abaixo a multitude ignorante.
Desta maneira, encontraremos n’O porco de pé as posturas irracionalistas ou snobistas submetidas a unha histriónica expurgación.
De igual modo, Machado de Assis decide colocar no centro da súa narrativa a un portador dunha filosofía illada da realidade, nunha nova relectura das posicións filosóficas preponderantes na altura, mais desta vez transfigurando ao discípulo Cándido en malicioso adoutrinador, refuxiado na fórmula da supervivencia dos máis aptos –enunciada polo darwiniano Alfred Russel Wallace. Fórmula agora convertida por este novo epígono en cínico e concentrado axioma na célebre frase “ao vencedor as batatas”.
Se as relacións humanas son tan impiedosas como incongruentes, igual que entre marionetas canibalescas, os postulados das tres narrativas, tirados deses comportamentos sociais, ao seren conectados e estruturados, constitúense nun sistema case circular, irreductíbel a unha secuencia lóxico-dedutiva lineal.
Mostra disto sería a semellanza evidente entre a ‘teoría da opresión’ de Quincas Borba e o que poderiamos denominar unha ‘teoría da compensación’ formulada por e presente na novela do escritor ourensán. Lonxe queda xa a consideración volteriana da filosofía como garante da tolerancia, pois estamos perante dúas propostas cun teor reaccionario e, en certa medida, demencial. O narrador risquiano, aceptando prescindir de calquera motivo humano e seguindo un raciocinio baseado no antagonismo necesario, xustifica a existencia do poder a custa dos oprimidos, dos ‘outros’. Estes últimos, ao naceren maioritariamente en tal estado, non son desgraciados, pois a dominación non lles deixa sentir excesivamente a súa situación. Un tal raciocinio compleméntase coa ‘teoría do benefício’ do personaxe-filósofo machadiano, quen defende a existencia dun certo orgullo da servilidade así como o saldo (in)moral, pola convicción de superioridade recibida do acto solidario, dunha maior satisfacción no beneficiador dunha boa acción do que no beneficiado.
Este extravagante personaxe, metade louco, metade charlatán, afundíndose moralmente no abismo, será quen chegue ao paroxismo dos raciocinios desconfiábeis e irregulares no paradigmático capítulo intitulado “Os cães”. Nel, tras extasiarse cunha disputa entre cans e servíndose de bombásticas explicacións, o pensador afirma que o espectáculo só podería ser superado se a contenda implicase animais e criaturas humanas.
Por servírmonos do vello e clásico termo de Colin Wilson, trátase dun outsider –caste de proveniencia tamén do extemporaneamente promiscuo Dr. Alveiros–, sempre nas marxes da extraterritorialidade, construíndo os obxectos dunha nova relixión desde a súa dura condición de atípico paria. Vive coñecido por unha minoría, dubidando algúns do seu equilibrio mental xusto pola claridade do que di, polo estrañamento que produce o insólito explicitar de teorías implicitamente aceptadas.
Neste caso concreto, un outro exemplo de darwinismo popular, concretizado nas iniciativas dos máis dotados e próximo do macabrismo irónico de Swift na súa Modesta proposta de comerse os nenos pobres irlandeses. A modesta proposición é, simplemente, a de devorar eses nenos, cun cálculo exacto das vantaxes económicas que iso significaría, como resposta a un mundo admirado, por exemplo, co borrador biolóxico de Herder, no cal o autor especula sobre unha posíbel destrución masiva en grande escala de pretensos seres inferiores como materiais e alimentos para especies consideradas máis elevadas.
En consecuencia, nesta adaptación do proceso de selección natural acelerado polo amoreamento, a influencia da vontade xeral positivista paira sobre o discurso machadiano, por medio da cruel parodia. Parece que Machado proxecta en Quincas Borba o eco da célebre afirmación de Voltaire, no seu poema sobre o terramoto de Lisboa, “hai que confesalo, o mal existe sobre a terra”, e, a partir desta máxima, comeza a desenvolver a súa excéntrica e parodística cruzada contra os partidarios e anuentes portavoces do leibziano providencialismo do ‘todo está ben’. Unha vez determinada a conciencia do noso peculiar pensador sobre a existencia do mal, este adquire unha intensidade maior, camiño das delirantes e obsesivas reflexións e conclusións ‘humanitísticas’.
A maléfica vontade supraindividual do Humanitismo, cifrada nunha especie de orde providente, non é máis, na visión do desvairado protagonista, do que unha calamidade, continente de inmensas e infindábeis destrucións e desgrazas para o ser humano. A visión promovida pola ‘nova filosofía’ é grotescamente convulsionada polo purgante e compensatorio horror, consolación hipócrita e banal que enfía e organiza todos os datos e ideas presentadas pola estrambótica figura.
Deste xeito, o único sentido da vida é o absurdo prometéico da supervivencia, pois frente ao impiedoso destino, xustificador e enaltecedor do mal físico e moral, só nos resta unha brutalidade análoga por parte do individuo civilizado, dentro da propia natureza. Como nos informa a elucidativa síntese de Brás Cubas, o Humanitismo non exclúe nada, todo é a mesma sublimidade, das guerras napoleónicas a unha contenda de cabras, polo cal, até o criminal máis sanguinario é elevado a heroe nesta filosofía ás avesas norteada polo máis desesperado instinto de supervivencia.
Nunha actitude próxima da visión propugnada por Helvecio, o moralista da Enciclopedia que chegou a aludir a unha dentición propia dos carniceiros para os seres humanos, Machado sitúa a súa galería de depredadores.
Os tres personaxes machadianos que nos ocupan responden á imaxe do tipo, denominado por Booth, ‘satisfeito-de-si-mesmo-que-resulta-ser-un-tolo-ou-un-bribón’: para Quincas Borba a concepción e asunción do borrador filosófico será antesala da loucura mais absoluta, nunha parodia en que a facultade do entendemento se ve eclipsada en diferentes graos. O sabio aparece caracterizado, dende as súas primeiras aparicións, polas súas digresións delirantes, consistentes en demostracións finalistas e risíbeis, nun comportamento análogo á clase de vaidoso a quen Montaigne, nos seus Ensaios, outorga o perdón no caso de falar de si a aqueles que teñan interese en coñecelo.
Se Quincas Borba pode ser redimido da mediocridade pola loucura, personaxes tan pouco complexas e estereotipadas como o calculista epígono Brás Cubas e o ignaro Rubião carecen de escusa para a atención e enaltecemento dun demente. A formación ideolóxica deses discípulos como persoas dependentes do sabio organiza toda a crítica, pois os dous displicentes secuaces están deseñados como partes dunha demostración, axudan ou se opoñen (teórica ou pragmaticamente) ao protagonista no seu itinerario dende o disparate até a loucura.
Na interpretación de Maia Neto (2005: 269) do escepticismo presente en certas ficcións machadianas, a vida de Brás Cubas, contada polo defunto e pirrónico escritor Brás Cubas, é vista como unha refutación empírica do Humanitismo de Quincas Borba. Esta (para)teoría filosófica é uma espécie de teodicea secular destinada a evitar, ou máis precisamente a aceptar, o problema do mal e a miseria, precisamente aqueles que Cubas presentará na súa autobiografía. Un certo escepticismo filosófico, inherentemente ligado á forma da novela, será cultivado polo narrador ao apreciar as súas crenzas pasadas, centrándose, en particular, na contradición entre a fixeza dos seus valores e plans e mais a precariedade e a variabilidade da realidade. Esta posición, derivada da frustración do Brás Cubas aínda vivo, como tamén indica Maia Neto, non é plenamente escéptica –mais, ao noso entender, suficiente–, pois a mesma demanda de que non hai lugar para a verdade no mundo –presentes a corrupción e miseria en todo e calquera lugar– presupón unha noción ideal da verdade, se ben que esta non ten determinación excepto a denuncia da propia falsidade.
Ao decepcionado narrador sumarase nesta obxección empírica da declaración filosófica o personaxe Rubião, quen coa súa visión naïve con certeza axuda a clarificar o escepticismo por contraste (Neto, 2005: 275). Como home espiritual que non se converteu en escéptico, el padece o destino dos espíritos que non son suficientemente fortes para vencer as tempestuosas augas da vida e para conseguir a estabilidade e a integridade interna que, contraria a outra visión popular do escepticismo, é o oposto da loucura.
Xa no caso da narrativa risquiana, a reflexividade, entendida como degradada ‘ruminación’, mais sobre todo a declamación, van ser o legado perdurábel e común do autor a todos os seus filisteos, a partir do cal irá desmantelando o foulardismo dominante nas teorías a debate na época.
Se pensarmos na grande e indicial abundancia de tertulias presente nesta novela galega, entenderemos mellor o carácter exclamativo destes saberes, que a miúdo non son adquiridos para meditar sobre eles, pois a intelixencia, con que pretenden os foulardistas abranxer a realidade, somente lles permite medila.
Tanto os filisteos da cultura como os do progreso material son vítimas dunha tentativa de exterminio intelectual: o elemento decorativo, isolado do rigor de pensamento nos esquemas mentais das personaxes, é levado ao límite das súas posibilidades expresivas como demostración inequívoca e inevitábel do carácter banal e efémero de todas e cada unha das teorías defendidas na ficción narrativa ao amparo do espírito aberto e vangardista.
No reflexivo ensaio Différence et répétition, Gilles Deleuze afirmaba que todo o platonismo parecía referir unha cuestión maior, sempre retomada e repetida por Sócrates como a da Esencia ou a da Idea, a unhas cuestións menores da opinión, que tan só expesaban maneiras confusas de pensar, fose nos vellos e nos nenos inhábiles, fose nos sofistas e nos retóricos demasiados hábiles. O que se reprochaba (fundamentalnente aos sofistas) era menos o ter empregado formas de pregunta inferiores que o non ter sabido determinar as condicións en que elas toman o seu alcance e o seu sentido ideais. Nesta segunda categoría, poderiamos inserir os nosos epigonais personaxes, pois son creacións sustentadas nun alterado aproveitamento da curiosidade filosófico-erudita, a cal, tinxida de ironía e sátira, designa un dominio onde a idea está máis próxima do accidente que da esencia abstracta.
Seguindo a liña de pensamento do grande satirista J. P. Friedrich Richter, poderiamos afirmar que, así como na poetización romántica o mundo dos obxectos perde os seus límites, asumíndose na infinitude como nun claro de lúa, este tipo de comicidade farase tamén romántica por algo complementario, o contraste do finito co finito, evidenciando o infinito contraste que hai entre as ideas e a propia finitude enteira.
Nas narracións visadas, o elemento ‘realista’, aínda continente dunha importante crítica social, é sobre todo un pretexto para a caricatura e a divagación psicolóxica e estético-filosófica, ás veces cómica, outras truculenta, outras profunda. Mais, ademais de atender ás realidades vixentes nas súas respectivas alturas, non parece innecesario salientar que, por baixo destes motivos, persisten nas obras de ambos os dous autores outras solicitacións simbólicas como, por exemplo, a dunha inusual incitación á fuga da vulgaridade que nos conduza a unha realización máis plena.
Deste modo, a natureza dos asuntos abordados, a sátira social non limitada á estupidez burguesa senón incluínte de toda a estupidez humana, do universal, así como a procura de efectos aliados á influencia da tradición, farán que Machado e Risco consagren determinadas formas e estereótipos construtivos para cada estilo e personaxe. A única –ou a basilar– finalidade desta construción é a de provocar en nós a compracencia, ao comprobarmos como esa caterva hipócrita se traizoa a si mesma, existindo un inmenso contraste entre o que eles mesmos cren que son e a revelación orientada ao lector dun tartufismo xa suxerido.
Na coñecida parábola “Historia dun bo brahmana”, Voltaire afirma que a riqueza do sabio protagonista acrecentaba a súa sabiduría, pois non precisaba enganar a ninguén. É o caso radicalmente oposto ao das criaturas que nos ocupan, pois se Rubião, vive nun perpetuo esforzo por agradar ao filósofo, e Brás Cubas alicerza a súa relación co mesmo pensador sobre principios igualmente pouco altruístas, na ficción risquiana todos os personaxes actúan por interese, como demostra o desterro ontolóxico dos máis diversos principios e ideoloxías e a transfiguración colectiva en clan de ufanos portavoces do espírito positivista e utilitarista.
Perante este impresionante desfile de homúnculos, estariamos tentados a acreditar en que asistimos ao espectáculo pluralista da historia, particularizado nun dos moitos grupos relativamente autónomos designados como Völker, os cales viven as súas existencias realizando as súas diferentes esencias ou substancias. Como os personaxes humanos, a “substancia” deste colectivo, na linguaxe psicolóxica de Herder, tendería a ter unhas paixóns dominantes.
Observando as dúas escritas ficcionais de modo conxunto, a colectividade adquire unha especie de entidade propia e ontolóxicamente superior, unha especie de mística irracional e supraindividual, próxima dos principios parodiados polo ficcionista brasileiro, que leva, por exemplo, ao Dr. Alveiros, movido por unha especie de hipertrofiado Volkgeist ás avesas, a apoiar a fixación definitiva da nova orde social.
Trátase dunha especie de ‘versión orgánica’ da máis profunda estupidez, en que predomina o sentimento fronte á razón e que impulsa aos nosos antiheroes a sumarse, sen apenas reservas, á louvanza e á perniciosa influencia do saber diletante polo que parecen deixarse seducir inxenuamente.
A respecto deste significado central, parécenos un feito notábel e notorio que todos os opoñentes dos dous autores poidan ser nomeados; isto é, que teñan existencia obxectiva: todos diferentes (e non poucas veces enfrontados) entre si, mais reunidos baixo os golpes dos ficcionistas pola súa aptitude para seren definidos nunha palabra.
Como vimos de observar, ao achegármonos aos discursos expositivo-argumentativos ofrecidos polos dous novelistas, as ficcións que nos ocupan deveñen mostras da prosa máis persoal e excéntrica tanto da literatura galega como da brasileira.
Unhas perspectivas tan maniqueístas e despropositadas só poden ser retratadas, como xa dixemos, por vía da máis radical ironía. Deste modo, o seu sarcasmo alicérzase en e aliméntase dunha hábil confusión entre procesos retóricos característicos, axeitados á intrincada índole dalgúns dos temas focados, así como á absorción discursiva de diversas directrices e formatos psicolóxicos, e a influencia da tradición satírica e humorística occidental.
As tres obras ofrécennos efectos moi diversos dentro destas prácticas escarnecedoras, dende a solemnidade á seriedade, chegando mesmo ao dramatismo ou até ao absurdo. Nas novelas que aquí nos ocupan, a ironía é exercida con relativa constancia en direccións encontradas ou, cando menos, paralelas na crítica ao parasitismo ideolóxico.
Un dos principais alicerces desa singularización discursiva derivaría da actitude autorial que determina a propensión para a escolla e o apuramento dun determinado tipo de narradores e, no relativo á forma, para a substitución da intriga por unha observación subxectiva a cargo deses narradores que deixan emerxer as consciencias en termos de (auto)introspección.
Encontrámonos así, con narradores conscientes do acto de escrita e con procedementos dirixidos a sinalar e a estimular unha atención máis dilixente ao discursivo que ao novelesco en acción, existindo unha mudanza, ou cando menos un reparto, do centro gravitatorio do interese narrativo.
É exactamente esa tomada de poder no interior da narrativa a que posibilita aos narradores o disformismo, a apreciación e o axustamento aos pregues e repregues da mente individual e da condición dos personaxes, así como o entornar os seus sentimentos máis profundos, o imperio da crítica, notadamente aquela dirixida contra usos e costumes rexistrados no decorrer dos enredos, e mais a cesión da palabra con autoridade –que devén, por momentos, auténtico autoritarismo.
Igualmente, o manexo do distanciamento, polo recurso ao humor negro e á ironía, e a riqueza de técnicas experimentais xorden como enunciadoras das posibilidades narrativas dun novo modo de retratar o mundo. No entanto, no segundo romance realista machadiano, QuincasBorba, atenúase –sen apagarse– a ironía presente en Memórias póstumas de Brás Cubas. A finalidade é potenciar unha fisionomía de ficcionada austeridade e obxectividade narrativas, onde é recuperada a narrativa da terceira pessoa para mellor obxectivar novamente un caso de adulterio, chaga maior das institucións sociais burguesas, desta vez desexado, preparado e non consumado. Aínda así, esta análise en profundidade da psicoloxía humana, en paradigmática emulación científica, acaba transformando o texto nunha sátira ao indivíduo preso igualmente aos dogmas e á ignorancia.
Dun punto de vista axiológico, unifícanse deste xeito as tres narrativas, pola comprensión do home ontoloxicamente considerado por medio da revelación de aspectos traxicómicos da sua condición, acompañada sempre por unha incontornábel dose de desencanto, pesimismo e nihilismo.
Unha tal convicción do absurdo non leva aos autores a tomar posicións extremas, senón ao indulxente e paradoxal tratamento do serio con xocosidade e viceversa; isto é, o humor conseguido por contrario de serio e o oposto. Evidentemente, hai un ton ‘shandeano’, que por momentos ten esas notas de bonhomie propia deste prototipo dos narradores volúbeis (Rouanet, 2005: 83), pois a súa vertente ridícula mestúrase coa simpatía e cun certo grao de estimación provocada, quedando como nota dominante unha mestura de sentimentos contrapostos ao nos familiarizar cos personaxes e co humor respectivos.
Frecuentemente na cruel actitude destes narradores parece ecoar a mordaz máxima de gosto leibniziano de Pope whatever is, it is right. Esta poderíase erixir en dogma do discurso parodiado polos narradores, sobre todo nas novelas O porco de pé e Quincas Borba, onde encontramos dúas omniscientes e demiúrxicas figuras acomodadas nunha postura irónica e insensibelmente observante dun mundo e dunha vida cuxo sentido último, como antes apuntabamos, parece ser o absurdo prometéico.
A este respecto, parece dispensábel subliñar a necesaria alerta, pois o lector observa en todo momento (e nas tres novelas) unha notoria incompatibilidade entre o impresionante residuo dos xuízos ofrecidos e os propios, que, alén disto, ‘presentimos’ está igualmente por detrás da silente actitude dos dous corrosivos autores.
Se na procura da conservación da capacidade crítica do lector, n’O porco de pé e Quincas Borba, éramos confrontados con anuentes vir bonus de sentimentos obviamente travestidos, Memórias póstumas de Brás Cubas defrontaranos, con idéntico proveito, á protagónica figura do discípulo biógrafo, abalante nas súas actitudes entre a cortesía e a rudeza, sempre norteadas por unha desvirtuadora e cínica superioridade, así como pola ausencia de axuda dunha voz e dunha visión autorizada pola opinión do autor. No caso deste último narrador, observamos que non existen disonancias entre as palabras e a personalidade do falante, desembocando a nosa lectura non só nunha proposición, senón nunha imaxe dramática ad hoc. Mais ao situarmos o terceiro elemento da tradicional e consabida tríada de Quintiliano, o tema, é cando descubrimos, efectivamente, que os indícios da intencionalidade irónica do autor implicado proceden igualmente do confronto entre o afirmado e o noso escepticismo a respecto dos valores celebrados na obra.
No século XIX, o autor francés A. de Brahm, nun seu tratado sobre a ironía, propuña a utilización dun signo de puntuación especial para advertirnos da presenza das ironías ofrecidas. Pois ben, o comparecemento nesta narrativa de palabras como filosofía, filósofo ou filosofar son unha advertencia case tan explícita como “le petit signe flagellateur” propugnado polo teorizador galo, pois alí onde aparece esta familia lexical ao lector só lle resta celebrar máis unha vez a irónica interpretación iterativamente consagrada.
Idéntica compracencia vagarosa demostran os dous autores na efectividade da presentación de raciocinios grotescos, como proba o alcance deste efecto caricaturesco nas intermitencias digresivas semeadas polas tres narrativas. Parece tese recibida que o asociacionismo ‘shandeano’ é base e xustificante dos vagabundeos mentais dos nosos narradores, non só non evitados, mais provocados e estimulados, nunha peculiar interpretación da teorización da sucesión das ideas exposta no Essay concerning human understanding de Locke, con base na proclamación da futilidade porque si.
Nunha combinación entre esta ‘bagatell’ celebrada por Sterne, afortunada entre modernistas e escritores de entre séculos, e o seguimento do espírito digresivo tan persoal dos Essais de Montaigne, nestes circunspectos excursos, o absurdo é consignado ao revestimento dun ton enfático e dun teor grandilocuente para a banalidade, na procura dunha aparencia conclusiva e siloxística para inferencias incoherentes ou, cando menos, non relacionadas coas premisas presentadas.
Alén diso, á hilaridade súmanse probas de espanto perante o grandioso da inocuidade dos pensadores a considerar. Aínda que este principio de filiación é incompatível inicialmente coa ironía, a recusa do ironista da admiración manifestada polo seu personaxe salvagarda o proceso. A distancia de avaliación dos protagonistas coa nosa propia observación da mediocridade favorece novamente a inversión irónica dos eloxios de carácter hiperbólico. Este aparato retórico-disfémico atinxe o paroxismo nas novelas machadianas comandadas intelectualmente por Quincas Borba, pois nelas adquírese o punto límite de diluimento da intencionalidade orixinaria. Nos dous romances brasileiros, seguindo esa traxectoria, abeiramos a inmodestia e a afectación do sabio co-protagonista, faro para a nosa certeza de que a persoa carece de modo absoluto dos atributos referidos.
A esta ilusoria gravidade, únese a práctica ausencia da linguaxe familiar na ficción risquiana, na cal, nun novo proceso amplificador, propiedades como a naturalidade, a espontaneidade ou o predominio dunha certa sensibilidade auséntanse do discurso narrativo para ceder o absoluto protagonismo ao máis esgotador dos nominalismos. Pola contra, nas narrativas machadianas, a parodia retórica das actitudes detentadas vese consagrada pola intromisión nas brillantes demostracións dunha oratoria artificial e bizantina, como evidencia un deleitado Brás Cubas, quen, a respecto dos progresos da súa instrución, nos informa de que “entre o queijo e o café, demonstrou-me Quincas Borba que o seu sistema era a destruição da dor”.
Mais o escarnio avanza aínda, pois estes procesos son complementados polas numerosas imaxes e citacións eruditas recuperadas nas narrativas. A obra nútrese dun aparello filosófico e cultural por veces ornamental, mais sempre convidativo, polo seu afastamento da realidade claudicante. Debemos atentar tamén á existencia de diferenzas entre as obras, pois a ‘presenza da cultura’ non é obviamente homoxénea.
As citas e as referencias deste teor xeralmente funcionan de modo recto. Moitas das alusións presentes na obra dan dignidade ás situacións e aquilatan a prosa do autor. Mais nas tres narrativas, e pese ás diferenzas nas fontes e nos referentes, sobresaen e ensombrecen ás anteriores as citacións rescatadas na máis absoluta das desproporcións. Recordemos como Lenin sae enredado nas páxinas da parodia risquiana nun descenso á imaxe accesíbel e alixeirada da súa significancia histórica, grazas á aliviadora concesión de Aser das Airas ao seu marxismo, proferindo un extemporáneo “Viva a Terceira Internacional”, no decurso da entronización da autoridade caciquil máis populacheira e máis gregaria. Ou lembremos como Hércules, nas páxinas de Memórias póstumas de Brás Cubas, se ve arrastrado a un descenso involuntario de varios graos na escala da consciencia e da razón ao consideralo o noso filósofo “símbolo antecipado do Humanitismo”.
Pese a merecer o tema da filosofía tamaño tratamento irónico, debemos subliñar o feito de que estamos perante unha escrita contida, pois os autores poderían terse facilmente recreado nunha auténtica exhibición de ironía menos intelixente, mais, en vez diso, ao lector se lle nega a posibilidade de actuar con enteira liberdade para así poder ter baixo control o poder satírico principal.
Son, por tanto, innúmeras as coincidencias entre as novelas do escritor brasileiro e galego neste ámbito da presenza do filosófico: os autores trascenden a escena local, convidándonos a adoptar un punto de vista superior, non formulado, dende o cal podemos observar, co mesmo deleite e desdén que eles, os habitantes deses grotescos submundos. Inclusive, sería posíbel e mesmo simple intercambiar os personaxes dunha obra ficcional para outra, pois semellan pertencer á mesma praga de míseros (pseudo)intelectuais aplicadores e/ou adoradores dos máis obsoletos dogmas.
Unha lectura guiada nesta dirección pode levarnos a afirmar en sentido lato que estamos perante tratados, criterios e/ou dicterios de moral práctica, pois até o final das tres novelas está cuidadosamente pensado e habilmente ponderado: triunfa o mal, mais as personaxes consideran que é o seu ben –particular e propio– o que goberna as súas vidas.
Camiño xa do final deste noso discurso digresivo, afirmemos que estas degradadas filosofías –que, ensombradas pola ficcionalidade, acompañamos nestas páxinas– son lúcidas mostras e preclaras representacións do absurdo e da arrogancia da razón, en tanto en canto, en lugar de axudar, levan ao extravío e á alienación.
En fin, agradecéndolles a súa atención e deixando por aquí este xa demorado e abstracto relatorio, coidamos que o confronto e a comparación dos dous espazos e escritas se mostra axeitado e rendíbel para unha interpretación máis aprofundada dos aspectos (socio)interventivos e dos significados procurados por estes referenciais autores nas súas excelentes obras ficcionais.
Referencias bibliográficas
Assis, J. Mª. Machado de (1992). Quincas Borba. São Paulo: FTD (Col. ‘Grandes Leituras’).
Assis, J. Mª. Machado de (2005). Memórias póstumas de Brás Cubas. Lisboa: Livros Cotovia (‘Curso Breve de Literatura Brasileira’, 1).
Booth, W. C. (1986). Retórica de la ironía. Madrid: Taurus.
Martínez Quintamar, M. A. (2002). Gilles Deleuze. A Coruña: Baía Edicións (Col. ‘Baía Pensamento’, 5).
Millán Otero, X. M. (1996). “Grupo Nós: Vicente Risco”. In Historia da literatura galega, Vol. 3. Vigo: A Nosa Terra, 737-768.
Neto, J. R. Maia (2005). “The Development of a Skeptical Life-View in the Fiction of Machado de Assis”. In J. C. de Castro Rocha (ed.), Portuguese Literary & Cultural Studies, 13/14 (The Author as Plagiarist–The Case of Machado de Assis). Massachusetts: Center for Portuguese Studies and Culture University of Massachusetts Dartmouth, 263-280.
Paiva, M. H. de Novais (1961). Contribuição para Uma Estilística da Ironia. Lisboa: Instituto de Altos Estudos.
Risco, V. (1972). O porco de pé e outras narracións. Vigo: Galaxia.
Rouanet, S. P. (2005). “The Shandean Form: Laurence Sterne and Machado de Assis”. In J. C. de Castro Rocha (ed.), Portuguese Literary & Cultural Studies, 13/14 (The Author as Plagiarist–The Case of Machado de Assis). Massachusetts: Center for Portuguese Studies and Culture University of Massachusetts Dartmouth, 81-104.
********
[Comunicación presentada ao VIII Congreso Internacional de Estudos Galegos, organizado pola Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) e celebrado na cidade brasileira de Salvador de Bahía do 12 ao 15 de setembro de 2006]