Centro de Documentación da AELG
Poesía Feminina
26 de xullo de 2003
Conde, Alfredo
Autores/as relacionados/as:
Fonte: Publicado en El Correo Gallego Digital

     Antes, non sei se tamén agora, facíanse teses doutorais con estas divagacións delicuescentes e aínda con outras e que non vou cair na tentación de citar: "a constante erótica dos pés, das dedas e mesmo dos dedos na poesía feminina no primeiro coarto do século XXI'' , p. ex. ¡E que ben que o pasaba a xente lendo e comentando estas lerias e non outras! 
     Gonzalo Torrente Ballester, coido que na súa novela La isla de los jacintos cortados —que este insensato que escribe verteu ó galego durante dous aniños nos que contra toda sospeita non tiña nada millor que facer— ridiculiza abondo o mundo académico-universitario dos Estados Unidos como pra que veña eu remedalo agora impunemente.

     Acordeime destes extremos lendo na última entrega poética de Espiral Maior que nos chega da man do húmido verao que padecemos e chea de feminina humidade poética; e digo ben, húmida poesía, pois é humidade e non lentura a que se percibe nos poemarios que comento e que, tamén contra o que se lle poidera antollar a máis dun non lles son nada pedestres. No primeiro deles, Lembranzas da beleza triste, María do Carme Kruckennberg deixa que "...a auga se perda/ polos dedos febles da dúbida''. No segundo, o que fai o número 126 da colección de poesía que dirixe Miguel Anxo Fernán-Vello, pra me referir a el cunha precisión carbalho-caleriana que non sei se ma agradeceran abondo, Xela Arias "...beirea leve cun dedo a ferida / máis recente''. E con esta van dúas citas. Pola súa banda, Marta Dacosta, nun libro fermoso e oportuno que se titula As amantes de Hamlet e que ben merece unha olladiña demorada "...deixou que a area arrefriase os seus pés/ os pés descalzos de tantos camiños ermos'' mentres que Antía Otero, no libro que fai o número cento vinteoito da colección da que lles falo e se titula O son da xordeira (e que senón unha ollada si pode merecer unha audición) recorda que "daquela os fungos reprodúcense entre as dedas''.

     Hailles máis exemplos dos que cito, pero delego nos eruditos e máis nos estudiosos a recompilación deles e o aproveitamento científico que se lles derive. Eu só quería pasar o tempo e chegar deica estes arredores do punto e final destoutro día de hoxe, do que os meus lectores non han tirar conclusións importantes; agás a de que polo menos parece ser que me leo ben lidiños tódolos libros que se poñen ó acado desta miña ollada, que sempre foi un algo atravesada, si, pero chea de boas intencións, e que agora, anque algo cansa, sigue a funcionar. O que non deixa de ser un consolo.