A tarde do 14 de febreiro de 1904
produciuse un pavoroso incendio que destruiu o edificio da Compañía
Embotelladora, unha factoría situada nun promontorio, a carón da
pequena praia de Ovelle. Os bombeiros chegaron tarde por mor da
defectuosa ferradura dun cabalo percherón que se negou a turrar do
carro que portaba o depósito de auga, a bomba e a mangueira. Ademais,
segundo informan os que saben do asunto, o vidro unha vez que acada unha
determinada temperatura, arde coma o carbón e non existe técnica
humana que poida apagalo, derretese, e ferve coma se se tratase da lava
dun volcán. Parece ser que coincidiu nesa data un excesivo amoreamento
de botellas, tanto no interior como rodeando as paredes do local, que
impediu a mínima liberdade de movementos aos bombeiros retrasados, e
todo foi un vómito de vidro derretido. A fermosa praia encheuse de
cinzas das embalaxes de cartón e durante meses tinguiuse de negro a
area. A factoría, en poucos minutos, converteuse nun xigantesco forno.
Din que houbo que lamentar a desaparición dun bombeiro, pero iso seino
eu perfectamente pertence á fabulación da xente, ademais ningún
familiar reclamou nunca a súa falta, nin tan sequera o xefe dos
bombeiros. A única víctima demostrada foi unha víctima económica,
Ataxerxes Cruz, propietario do negocio, daquela en plena prosperidade
pola moda irresistible da gaseosa embotellada e as limonadas
efervescentes.
As botellas derretidas, nunha masa irisada e xelatinosa que saía
incesantemente polas portas e as ventás, invadiron unha milleira
colindante e formaron unha máxica superficie de estalagmitas de
cristal dos cañotos de millo recén cortado no verán, e toparon un
burato dun pozo no que aínda hoxe a xente se achega con temor pois algúns
afirman adiviñar debaixo da tapa translúcida de vidro o corpo
cristalizado, con uniforme vermello, do bombeiro desaparecido. Os nenos
tremen cando miran a través da tapa traslúcida levados a rastro polas
aias, castigados por non rematar a merenda. «O bombeiro vaiche
comer» ameazan, entre os risos cómplices dos soldados que queren
namoriscalas. Despois son os propios nenos os que se enrabechan unha e
outra vez pedindo que os leven a mirar ao bombeiro de cristal, mais as
aias discuten con eles nas horas escuras dos piropos e as carantoñas.
«Non hai ningún bombeiro, señorito. Toma, un centavo para un
barquillo».
O máis fermoso dese paradiso cristalino foi, e é, a ampla
superficie
da entrada das ruinas da factoría onde nenos e adultos xogan, ás
costas do vixiante, a facer carreiras de canicas que só con depositalas
nunha beira deste espazo duns douscentos metros cadrados, e que
aparentemente amosa unha perfecta horizontalidade, percorren a pista
movidas por unha forza que se atribúe ás dinámicas do misterio e que,
en realidade, se debe á perfección do pulimento tan lixeiramente
inclinado que estou por apostar que só debe haber un centímetro de
diferencia entre unha beira e outra.
O que é indiscutible é que ninguén deixa de abraiarse ante a beleza
deste mundo de cores, e que apampa a velocidade que chegan acadar as
boliñas.
Do edificio da Compañía Embotelladora unicamente permaneceron os muros
de pedra polos que asoman, a través das ventás e da porta de entrada,
vómitos esculturais de cristal e un teito de espirais de vidro. Diante
desta magnífica estructura, esténdese a fermosa pista polícroma,
semellante ás guardas dos libros antergos, lisa coma o xelo,
seguramente porque cando se produciu o incendio sopraba un vento
invernal a rentes da entrada da factoría que puliu con perfección
inusitada a masa incandescente.
Pasaron xa dezaseis anos desde o
incendio. O propietario, Ataxerxes Cruz, home emprendedor e incapaz de
desánimo, tivo a intelixente idea de converter ese espazo nun parque de
recreo e ensoño. A verdade é que a súa visión dos negocios e a súa
riqueza son envexables, aínda que non o é tanto a súa vida privada
porque a súa manifesta homosexualidade, nesta sociedade tan cruel, Ile
pasa factura, e ten que vivir recluido na súa casona para evitar as
mofas e os comentarios. Nin todos os seus diñeiros poden contra a dureza
e a ingratitude da xente.
Pero esquezamos iso. É posible que Ataxerxes Cruz, pechado na súa
mansión onde non Ile faltará de nada, pode que nin amantes, sexa máis
feliz co resto dos humanos, sen necesidade de acudir a ningún acto
social, onde domina a frivolidade. Ademais, no máis íntimo do seu ser,
gardará a satisfacción de ser o artífice do máis fermoso lugar de
recreo do mundo. Efectivamente, a carón da recolecta praia, o sol do
inverno conforma alí siluetas e refrexos dunha suxestión difícil de
explicar. Mandou instalar uns bancos de madeira para namorados, segundo
el califica e clasifica, e onde tamén nos sentamos algúns poucos que
non tivemos tempo ou ganas de compartir o corazón con ninguén. Nun
moderno quiosco de madeira e artísticas celosías sérvese limonada e
bebidas gaseosas, tamén xelados italianos de cucurucho e corte con
galletas, e incluso, nos veráns, unha bebida traída de Madrid que
chaman horchata de chufas. Deduzo que a inversión foi ben pequena, e os
beneficios moi grandes, pois, aínda que para entrar no Parque
cobrábase o prezo relativamente modesto dun real, acudimos alí a cotío
moreas de persoas co comezo das primeiras gratificantes raiolas de sol.
Parece ser que agora proxecta costruir unha gran instalación para baños,
idea que a min non me atrae e que cedo gustosamente aos xoves sportmans.
Eu, que entre outros oficios dedico o meu tempo ao agridoce mester da
poesía, atopaba neste máxico lugar motivo anovado de inspiración. O mar, a nacarina
arquitectura, a calma das xentes que por razóns que non son quen de
analizar adoitan falar alí en voz moi baixa, coma se temesen quebrar as
esculturas que tallaron o lume e o vento no vidro, únicamente podían
darme paz e inspiración e a esperanza nun mundo mellor despois da
terrible guerra que vén de padecer e atristurar a toda Europa.
Os beneficios, repito, deben ser moi importantes, porque permiten ao
señor Cruz vivir na opulencia e pagar un xenerosísimo soldo ao
vixilante, Xulio Cesantes, que nas épocas felices foi o suficientemente
amigo meu como para confesarme o seu salario e algo menos amigo meu
cando me impedía practicar as probas das canicas rodantes. Recoñezo que
tiña boas razóns para facelo: non perder o emprego e velar pola
perfecta conservación da excelente pista de patinaxe. As normas só
permitían supoño que agora seguirá todo igual compartir a pista a
cinco parellas, que pagaban catro reais por hora por practicar esta nova
moda, coido que chegada de Inglaterra, mestura de deporte e arte, e que
eu admiro pero son incapaz de ensaiar. Pois ben, formábanse auténticas
avalanchas para facerse cos dez privilexiados pases, mentres ringleiras
de patinadores agardaban turno pacienzudamente durante boa parte da
tarde. No verán o parque permanecía aberto ata a unha da madrugada, e
amenizado por un cuarteto con pianista incluido. Na pista de patinaxe
bailaban, nesa sesión nocturna, as parellas de noivos, coa única
prohibición de utilizaren zapatos de tacón. A propia empresa alugaba
alpargatas para que non se picase a superficie.
Hai no parque espazo suficiente para aparcar os modernos automóbiles
que en número importante acuden trasladando xente de alta posición
social.
Eu, que non estou namorado, nin son patinador e, moito menos, practico a
natación, ocupaba sempre un curruncho entrañable que me facía soñar, o
meu sitio preferido, ao pé dunha acacia, onde hai unha laxe
anatómicamente perfecta para as miñas pousadeiras. Desde alí,
abstraído nas ondas do mar e nos brillos dos cristais, sempre
distintos, soñaba e compuña os meus poemas mixtos, mestura de sentires e
explicación erudita pensada para os máis novos, por se algún día teñen a ben publicarmos. Coido que os rapaces necesitan do
ensoño, pero
convén aproveitar a ocasión, unha vez aberto o corazón ao sentimento,
para instruilos con pequenas leccións das cousas cotiás, que son as máis valiosas. Aínda onde non precisamente no parte, senón na súa
lembranza, entre estas catro paredes ocorreuseme un, que despois pasei
ao papel, cousa que non sempre fago pois son moi autocrítico, e que
fala do meu gran amor, o mar.
«O mar é lánguido e dócil
como a
cola dun raposo,
pode ser moi proceloso,
brillante coma un cometa.
O mar
conforma á súa vez
os dous tercios do Planeta» |
Lembro outro, escrito nunha ocasión na
que observaba os devires da xente, atafegada incluso cando ía
divertirse, que trata sobre a educación, que considero de interese
transcribir aquí, posto que non colle na miña cabeza a incoherencia
daqueles que son capaces de buscar a paz deste parque as súas baixas
paixóns semanais da cidade, neste caso concreto a ira, a un lugar tan
idílico. Foi unha discusión polo espazo de aparcamento dun automóbil
cabriolet que conducía un fornido maleducado, acompañante de dúas
elegantes damas, que case chega ás mans con outro chaufeur, propietario
dun flamante sedán verde botella:
«Entre risas cristalinas
neste parque de cristal,
dous discuten por pamplinas:
un bruto e un animal.
O ser humano, por formación,
debe dar exemplo de educación.» |
Pois ben, como veredes estades diante dun
poeta. Teño, modestia aparte, facilidade versificadora e como non son un
frívolo nin un individuo vulgar, e son sensible, plasmo nos escritos,
coma quen respira, as miñas vivencias e así ceibo da alma as tensións
e as tristuras. Tampouco se trata de que vos fale de min, nin que vos
abraie coa miña abondosa poesía, senón de contarvos certos sucesos
acaecidos neste parque irrepetible, no que transcorreu a metade da miña
vida.
O día no que apareceu Ela todo comezou a mudar. Agora, pasado o tempo,
xa non podo falar de transformación da miña vida senón de desastre.
Ela e eu eramos asiduos visitantes do Parque onde cadaquén ocupaba o
seu lugar, e existía entre os dous un pacto implícito para a non
ocupación de lugares alleos. Ela sentábase debaixo doutra acacia, pero
non nunha laxe anatómica como a miña, senón nun banco de madeira que
era do seu dominio a partir das cinco da tarde e que non abandoaba ata
ben pasadas as nove da noite. Ela lía, lía moito, lía sen deterse agás
cando se erguía do banco e se dirixía á boca do pozo onde algunha
xente cría ver un bombeiro cristalizado. Cada dia traía un libro novo,
e ás veces recitaba en voz alga poemas de amor. Outras veces, poucas,
calcetaba. Eu meditaba, que é o meu, e tamén lía. Tardamos case un mes
en falarnos. AI principio aceptamos a presencia do outro e supoño que
ambos comezamos anotar con certa intranquilidade, como no meu caso, as
esporádicas ausencias do compañeiro. Despois vímonos na obriga de
acenar un Iene saúdo coa cabeza. Máis adiante tiña que ser así o
saúdo fíxose verbal. Pasado un mes intercambiamos curtas frases sen
movermonos do noso sitio, case todas dirixidas a xulgar o tempo
climatolóxico. Unha tarde, aburrido da lectura do ensaio «Seriedades
Jocosas» incluido na obra Actualidades de Antano, escrito por Don
Antonio Pérez Sánchez, observei que Ela facía punto con desgana e
suspiraba cun ritmo esaxerado para o seu frecuente mundo dos saloucos, e
decidín ocupar un lugar no seu propio banco. Mellor tería sido que
nese preciso intre me fendese un raio, mais ¿quen podía supor que unha
venerable anciá de moño con alfinetes, vestida de alivio lila e dona de
maneiras encantadoras poidese traer tan nefastas consecuencias para a miña vida? Imposible padecer esa sospeita.
Ela tería uns oitenta anos, polo que me dobraba na idade. Ela era viúva
e eu solteiro. Ela era como a nai que nunca coñecín. Ela era a calma, a
educación, a dozura da ancianidade, a fraxilidade, a elegancia, a
ternura. Ela era unha avoiña de conto. Por iso achegueime a Ela e sentei
no seu banco para falar.
Nada máis facelo, Ela abandoou a calceta e dedicoume o seu tempo,
falándome con voz musical:
Pode que vostede sexa o home que eu necesito.
¿Eu? ¿Por que? ¿Para que me necesita?
Xa Ilelo explicarei co tempo. Por certo, o meu nome é Ela.
¿Ela?
Basilio, o meu esposo, sempre me chamou Ela, de Eladia, Eladia Suances.
Encantado. Eu son Edón de Cigalia. Ben, así desexo ser
coñecido. O
meu verdadeiro nome non ten nada de interesante. Edón de Cigalia,
poeta, señora. Cigalia é Galicia como se decatará doadamente...
¡Ai, que orixinal! lembro que exclamou Galicia, Cigalia... país de
bo marisco...
Si, ben... e Edón... chámome Edón porque amo
os praceres, os praceres non carnais, agás o xantar, claro... o pracer
da lectura, a poesía, a contemplación... ¡O mar, que fermosura! O
pracer da conversa, das raiolas do sol, dos paseos...
¿E non ama o pracer de acariñar o diñeiro?
Non moito... non moito... algo... coma todo o mundo, pero non como algo
primordial; prefiro a conversa mentín eu, e Ela mentiu ao finxir
crerme.
Escoita unha cousa Edón díxome un
día calquera cando xa nos tuteábamos e Ela lera bastantes dos meus
poemas, tes que facerme un favor, o favor do que xa che falei varias
veces.
O Favor, xa sei. Agardábao. Por fin te decidiches, Ela.
Si. Considero que xa estás preparado, que xa temos a confianza
suficiente para que che encargue o favor, favor que che pagarei
xenerosamente.
Non fai falta. Eu son un cabaleiro.
A quen lle sobran os cartos... Escoita: baixo ese pozo de cristal non
hai un bombeiro. Aí abaixo está meu home. Estou segura. Esa cor vermella que a xente atribúe ao uniforme
descoñezo que é, pero afirmo
rotundamente que aí está o corpo de Basilio, que ese corpo é o corpo
de Basilio. Só se trata de que o recuperes, de que o rescates da súa
prisión.
Feito respondín sen pensado dúas veces, e escoiteime desde fóra por
non telo pensado dúas veces. Os poetas somos así de impulsivos. «Feito,
Ela».
¿Entón, poido contar contigo?
Absolutamente, sen dúbidas, sen fendas, sen...
Daquela tes campo libre para artellares o sistema que queiras para
recuperalo. Agora ben, deberás actuar con sumo coidado. Atentar contra
o parque é un delicto, e deducirías que para traerme o corpo de
Basilio, terás que rachar o cristal...
Non hai problema. Sei como facelo. Só unha pregunta: ¿por
qué estás
tan segura que aí abaixo está o corpo do teu home?
Seino. Fixen as miñas averiguacións. Non che poido
dicir máis: só que el frecuentaba este lugar, e que a tarde do sinistro alguén o viu dando voltas polos arredores da
factoría, que, por certo, estaba pechada porque era sábado. Deberás
perdoarme, pero non che podo contar máis nada, porque nin eu mesma o sei con seguridade. Hai certas cousas escuras na
vida do meu querido Basilio que nunca comprendín. A súa desaparición
produciuse en circunstancias moi estranas. Nunca souben que negocio ou
que amorío non disimulo, como verás puido traelo aquí. En tempos
souben que andaba medio liado cunha rapariga que trabaIlaba na Compañía,
mais el chegou xurarme que aquilo rematara, e eu aínda sigo confiando
na súa palabra. Para min, que debeu pasar por alí no momento do
incendio, e como un home moi afoutado e xeneroso, debeu liarse a apagar
as lapas e ocorreulle un accidente. Aínda así, sempre o amei e sempre
o amarei, por moitas querindongas que se cruzasen pola súa vida.
Sen embargo é realmente difícil comprender que unha persoa se deixe
atrapar polo vidro dereito. Esa marea tampouco chegou tan rapidamente
ata o pozo como para coller a alguén desprevido. Houbo tempo de sobras
para fuxir.
A non ser que Basilio estivese moi ocupado ali dentro... Non era un
home áxil como para fuxir dun chimpo. Eu teño a impresión que o seu
corpo está de pé, polo que teño claro que non estaba morto cando o
sorprendeu o vidro. Todo isto seguramente o aclararemos cando rescatemos
o seu corpo.
Sen dúbida, Ela.
Aquela noite, inspirado pola conversa
mantida, e preocupado polo choio que se me aviña, tras escribir un poema
mixto liberador de tensións, dei en cavilar nos diversos sistemas para
poder resgatar o corpo de Basilio do pozo de cristal. Sen embargo, o
único método factible era facelo pola brava. Conectaría con dous
individuos de mala catadura que frecuentaban a taberna de Eudoxio,
debaixo da miña vivenda, e na noite pecha, introduciriamonos no Parque
para rachar o vidro a martelazos e traer o corpo, ou o que alí houbese,
nun carro que agocharíamos tras o valado que limita coa praia.
Pediríalle un anticipo a Ela para animalos co único que se animaban, e
unha vez pagado o choio, non tería outro remedio que confiar na
discreción dos meus socios. O plan semellaba doado de executar, pero
existían dous problemas de base contra os que eu tiña que loitar: a miña ética e a
miña estética. A miña ética impedíame quebrar unha
obra de arte construida polas forzas da Natureza e con materiais
humanos. A miña estética impediríamo poder regresar xamais a aquel
paradiso porque non podería aturar a desfeita causada pola miña
ambición, unha ambición na que o diñeiro contaba pouco e na que
mandaba unha mal entendida cortesía, agora sei que encerellada nos
engados da anciá máis fermosa que xamais coñecín. Moitas horas en
vela tiven que padecer para convencer á ética e á estética dos
beneficios que para o resto da mina conciencia e formación conlevaría
a decisión de non defraudar a Ela e poder seguir mantendo a súa
amizade.
Apenas tiven dificultades para executar o meu plan. Só pequenas
discusións cos dous suxos socios pola cantidade que esixían cobrar, o
dobre do que eu lles ofrecía. Ao cabo, chegamos a un acordo no que eu
sairía perdendo moito diñeiro, mais, coma dixen, os cartos non eran a
miña principal motivación para rescatar o cadáver cristalizado de
Basilio. O amor, a cortesía, o altruismo vale moito máis có ouro, pero hai algo que ten un prezo
incalculable, e que eu, con aquel favor a Ela, perdín e tardarei varios
anos en recuperar: a liberdade, o ben máis prezado.
«Voa o paxaro no ceo,
nada o pato na lagoa,
cando es ceibe, o máis feo
é o ouro da coroa.
A liberdade, sen discusión
é do ser humano o mellor don.»
|
Pero deixémonos agora de poesía. Resulta
moi difícil para min versificar nestas circunstancias, lonxe do meu
adorado parque, moi lonxe de Ela, demasiado lonxe das lembranzas
felices.
Non vou entrar nos detalles de como conseguín facerme cun carro para
trasladar o corpo de Basilio, nin como organizamos todo o plan polo
miúdo, nen sequera as fendas na confianza que aqueles dous rufiáns me
proporcionaban, unha confianza que oscilaba entre ninguna e case
ningunha. A verdade é que teño que recoñecer que fomos bastante
chafalleiros no traballo. Que non cortamos precisamente o vidro da tapa
do pozo cun diamante, senón dun brutal mazazo, que, ao enterárense por
unha lixeireza miña que o meu amigo o vixilante non andaba de noite por
aqueles lugares senón que durmía no seu leito, e que dado o inminente
traslado dun cadáver cristalizado que abofé pesaría moito máis do
imaxinado, os dous compinches meus, un con cara de rata e o outro de
raposo, cun único traballo coñecido na cata e engulimento teimudo de
augardente, decidiron pola súa conta meter o carro no recinto xusto por
riba da marabillosa pista de cristal onde quedaron gravadas para sempre
as pegadas lacerantes das Ilantas de ferro. Un desastre. Cando rachamos
a tapa do pozo axiña confirmamos a existencia dun corpo humano
engaiolado nunha masa de vidro transparente. Desde arriba do burato non
se adiviñaba que caste de vestimenta levaba, só a súa cor vermella con
algunhas prendas sutis de cor violácea. O traballo foi inmenso. Houbo
que desenganchar a mula do carro e facer que esta turrase, axudada coas
nosas palancas e unhas poleas traidas para tal efecto, dun irregular
cilindro de cristal, convertido despois nunha masa informe que non
quebrou e que, para a nosa sorpresa e abraio, chanza e mareo, amosou no
seu interior, á luz das lanternas, o corpo incorrupto dun home groso,
de faciana asustada pero grave, de enorme bigode negro, ataviado cun
can-cán vermello escuro, ligueiros negros e unha plumaxe violeta que
cinguía o seu colo. O máis misterioso do asunto, dentro dos demais
misterios, era que o corpo de Basilio ou de quen fose, malia a
expresión de elegante susto na cara, non amosaba a actitude corporal
crispada de quen tenta fuxir da morte ten tanto gavear, ou ocultando a
cabeza cos brazos. Antes, ben, había rixidez e serenidade na postura,
coma se agardase, coa gratitude dunha ducha, as terribles ondas de
cristal fundido, incluso, xa dixen, ata o punto que a plumaxe violácea
seguía rodeando o seu pescozo.
Ao comprobar o atavío daquela ridícula figura humana, por un intre
dubidei de levala á casa de Ela facéndoa desaparecer no mar desde o
alto dos acantilados. Despois dicidín cumprir co meu encargo pois
estaba seguro que a anciá, de non coñecer as inclinacións vestimentais
ou de outra caste do seu home, reaccionaría igualmente con amor, sobre
todo porque no pasado estiver afeita a un bo número de aventuras que
sempre soubo perdoar. Pola contra, tampouco sería malo que Ela
confirmase cos seus propios ollos que era moi difícil que, vestido
daquela maneira, o seu home seguira mantendo relacións prohibidas cunha
traballadora da factoría, contra quen amosaba aínda un pequerrecho
rancor. Todo me fai pensar, hoxe, ahora que estou escribindo estas
memorias, que máis ben, Basilio debeu ser moi amigo de Ataxerxes Cruz. Dedúzoo. E deduzo
así
mesmo que é posible que a tarde do incendio estivesen ambos practicando
algún divertido xogo, a soas, dentro da Compañía Embotelladora de
Ovelle. Que un, espaventado, fuxiu no seu automóbil e que o outro,
tamén horrorizado polas inminentes olladas dos veciños e bombeiros que
acudirían a sufocar o incendio, liscou e refuxiose no pequeno pozo á
garda dun mellor momento para fuxir. O malo foi que preferiu que o
cristal fundise á súa vergonza a que a súa vergonza o fundise a el.
Coas primeiras luces do amencer rematamos a tarefa. Cargamos o corpo no
carro, tapámolo cun toldo, e saimos do parque a trote rápido ata chegar
á cidade onde nos mesturamos co trafego de todos os carros que paraban
nas casetas de fielatos para o pago dos dereitos de mercadorías e con
algúns automóbiles de luxo que traían de volta á casa a innomeables
damas pelexadas con aristocráticos amantes, e con modernos camións de
caixa aberta que trasladaban mobles dunha tenda á outra. Nós
circulabamos nun carro máis no medio daquel rebumbio e ninguén reparou
nos nosos movementos. Ata a noite seguinte permaneceu o corpo de Basilio
no interior do soto da miña propia casa xa que, obviamente, resultaba
perigosísimo, imposible, subilo a plena luz do dia á vivenda de Ela,
no terceiro andar dun céntrico edificio.
Foi un dia moi longo, un día nas tebras do soto velando o ridículo
cadáver dun home falecido había oito anos. Lembro que, para consolar
a miña alma ateigada de tristeiras contradiccións e invadida por unha
agridoce melanconía, compuxen poemas e poemas mixtos, frenéticamente,
cunha inspiración inusitada. Tantos crei, e tan turbos, con tantas
reflexións sobre a condición humana, que á noitiña, atordoado,
ollábame a min mesmo desde fóra, lonxe da realidade, coa sensación de
ter engranaxes metálicos no
canto dun cerebro e un corazón de pedra na caixa do peito. Nunca
cheguei escribilos, como adoito facer, e esquecín todos menos un, o
mellor que xamais compuxen, e que é interesante dalo a coñecer agora
nestas páxinas porque nel reflicto non só as miñas sensaciós naqueles
momentos senón o triste vaticinio do meu negro futuro, exactamente o
presente que agora padezo:
«No cárcere de cristal
un corpo agarda,
e eu agardo un gran mal
na tarde parda.
O ser humano, por cortesía,
non debe violar a poesía.» |
Non teño demasiados folgos xa para
relatar o descalabro, pero debo purgar as miñas culpas, como indicou o
señor xuiz. Alomenos a min non me penduraron dunha corda, por ser de
extracción social nobre e por non roubar candelabros de prata na casa
da fermosa anciá. É unha mágoa non ter nacido rufián e non terme
apropiado das xoias porque non me interesa a vida sen Ela, morta por un
ataque de emoción maligna e de amor puro na noite na que Ile entregamos
aquel corpo incorrupto de bailarina e esposo. Agora, aquí, e cando saia
de aquí, sei que só poderei manterme en pé apoiado nas muletas dos
meus poemas mixtos. Sen eles non aturaría un segundo máis entre estas
paredes e entre as paredes do ceo enorme, o día no que me abran a porta
coa condición de non poder voltar xamais ao Parque de Cristal.
|