As mil horas non é unha proposición de vangarda, non é, nin tan sequera, unha proposición. Trátase, unha vez máis, dun fragmento dunha vida tan real como propia, apta para todos os públicos, pero nunca obrigatoria. |
A miña única pretensión
na poesía é que o que perdo coa erección sexa o que teña gañado cos preliminares. |
A escaleira baixei para parar no terceiro no chanzo número tres despois dubidei subir un para volvelo baixar e fiquei outro anaco ollando para o meu rostro no metálico do pasamáns non había marcas doutras pegadas fóra das miñas e o rostro lixeiramente distorsionado non deixaba de asemellarse ao meu serio desta volta procurando mostrar indiferenza unha hora tras doutra na escaleira as olladas de quen baixaba ou subía cheas de desconfianza facíanme virar o rostro cara outro lado o tempo converteuse en lousa e o gris sombrío da escaleira veuse a min ameazante facéndome quebrar as intencións últimas doe un pouco cando o frío ebrio das lousas chega ao esfínter por medio do pantalón vaqueiro a escaleira sempre sempre permanece lixada por moito que un pretenda limpala quedando cun horrible cheiro a desinfectante e ao po da vida que a foi erosionando para facer cavernas na súa superficie abrupta xa formando un ecosistema propio e particular doen as horas na escaleira e un nunca sabe cara onde virarse en canto sube ou baixa alguén sempre un breve instante de dúbida unha infausta confusión a corrección do erro e o regreso á desconfianza logo o tempo que pasa e a desconfianza vírase obsesión ate que un dá en marchar nese momento todos son corpos falando polo baixo na penumbra dos andares como se non houbese bares e momentos máis propicios para a discusión a escaleira foi feita para descansar para agardar a que a luz automática se apague ou para obrigarnos a correr entre chanzo e chanzo con medo a quedar ás escuras e caer a min non me gusta agardar na porta das vivendas sempre me toman por un delincuente así que quedo na escaleira sorprendo aos veciños ao aparecer en canto a luz se acende e saudando con timidez como quen pretende ocultar as probas dun delito A rúa e o frío dende fóra os edificios son fríos sobre todo no inverno con portais que limpan industriosas señoras con resignación deixando un espazo en canto advirten que alguén se achega e pedindo perdón eu aprendín a dicir non sei aínda ben en que idioma desculpe vostede que está traballando pero ninguén parece comprender á hora de agardar non me molesto nin en achegarme ao portal do edificio quedo a uns pasos de distancia mirando para todas partes evidenciando a espera para non semellar sospeitoso ollo o reloxo unha e outra vez e se cadra fago que falo por teléfono con alguén os que agardan son ociosos e maleantes portadores de todos os vicios ás veces sento nun recuncho escuro da rúa ou de calquera outro lado temendo sempre manchar o cu do pantalón vou sempre prevido para a friaxe sendo por iso que dou en suar moito e miro para os lados pensando nos que se decatan preguntándose que estará a facer ese que tanto súa? en canto deixo de agardar vou para un bar e tomo sempre unha primeira cervexa engulíndoa sen respirar os edificios públicos son malos lugares de espera á noite contan con cámaras e un garda xurado que non se despega das miñas costas ate que marcho logo ségueme coa ollada mentres me perdo de vista e fala se cadra pola radio non sei se cun alguén imaxinario Bares nos bares non son quen de agardar sento e pido algo de beber mirando para todas partes sen nada que facer cando está á vista collo un xornal ás veces e fago que leo algún artigo sen saber ben de que me está a falar consumo rápido a miña bebida para saír e agardar fóra a soidade nos bares é como a permanencia dunha parella en rigoroso silencio por iso sempre quedo a mirar para os que non falan preguntándome as causas as razóns últimas ás veces permanecendo eu calado durante moito tempo ate que xurde unha pregunta e véxome na obriga de responder as conversas nos bares sempre son o fútbol o traballo os fillos baixo a perspectiva de pais oufanos pola súa creación ou non tanto visións particulares sobre o estado das cousas eu nunca sei que dicir cando o meu interlocutor cala ás veces é o tempo ou o último filme visionado outra un sinxelo pois si logo pérdome nalgún rostro suxerinte e esquézome de inventar unha razón para falar co tempo obsesiónome cos aspectos aburridos do silencio e vou ao gran cun que pensas? Nus vexo espirse os rostros e sinto unhas cóxegas que soben do estómago e van cara o nariz como o champaña fico durante moito tempo ollando as partes visibles dos corpos as mans pernas brazos en calquera lugar nos que estou afeito a agardar despois relaciónoas con aquelas que coñecín que biquei ás veces e sorríolle á contemplación fago poesía ou iso creo mentres canto sorrío ou escoito algún tipo de música The Doors están ben pero todo depende do momento hai tamén quen imaxina un amante estupendo pero as pernas frouxean obsesionadas co que poden ofrecer tamén con delicadeza obsesiónome con dar pracer un pracer multiorgásmico para disimular as miñas eivas que por outra banda son imaxinables pero gústame agardar co tempo fun aprendendo a aprecialo así que me vou deixando para o último momento para marchar como nunha fuxida non me importa pasearme nu tampouco erecto teño reparo son reminiscencias doutros tempos tamén por que adoro o xesto dun rostro virxinal sorprendido polo prohibido vou ao baño e regreso un chisco incómodo polo que me espera polo que agradezo un sorriso cómplice e a comprensión condensada nunha caricia prefiro sacar a roupa interior e fixarme nos perfís da carne nas engurras e nos pequenos detalles da porosidade da pel gústame memorizar o corpo todo e examinarme unha vez comprendida a lección coñecer os puntos onde doe e onde non aqueles que deixan sen alento e aqueles que nos obrigan a aspirar o aire todo son como un aparello multifunción na sala dalgún hospital A despedida as despedidas son sempre complexas nunca sei como dicir que sinto unha forte apatía postcoital e os bicos alónganse facéndose eternos as horas doen como un parto pero sempre gardo unha caricia para ese instante e a despedida dolorosa dun amante namorado xustificar a miña marcha sendo unha persoa ociosa é sempre difícil para iso se inventaron as enfermidades pero malia todo non sufro de hipocondría os meus males existen aínda que estean só na miña mente |