(Sentada silenciosa de manifestantes nunha rúa ateigada, circundando os antidisturbios completamente equipados. No medio dos manifestantes Póntulo e Párculo camiñan como se paseasen por un prado poboado de flores) (Póntulo, vello antidisturbios experimentado explícalle a Párculo os pormenores do oficio, mentres este o sigue fascinado pola infinda sabedoría do seu mestre). Póntulo: Trescentas varas de medir miden ben pouco se a audacia é escasa. Párculo: Trescentas míseras miserias miden ben pouco concentradas nun alpendre. Póntulo: Pero apestan como morto no camposanto. Párculo: Ou peor. Póntulo: Certamente, irmán. Párculo: Pero, cantas míseras miserias aturaría o Santo Arcanxo? Póntulo: Un santo. Cantas varas de medir termou nas súas mans? Párculo: Iso é? Póntulo: Nengunha. Párculo: E o excelso poeta? Póntulo: As mesmas. Párculo: E se fose Goethe? Póntulo: Un burgués! Apenas a súa. Párculo: E tratándose dun traballador. Póntulo: Ben,... antes ou despois da emancipación da muller? Párculo: Entrando neste tipo de consideracións. Certamente, trátase dunha opción difícil. Supoñamos que despois. Póntulo: Se é despois. Considerando a súa precaria situación, os nenos e outros gastos, a escasa vida licenciosa e o abondoso aburrimento, mitigado pola decepción e posterior frustración, o problema engadido de que chegados a un punto non se poden ter máis fillos porque logo non hai quen os manteña... resumindo, a grandes rasgos... non o sei! Párculo: Así e todo, é ben impreciso o traballador. Póntulo:Tan só sucumbe ante a dispersión do seu traballo, vivindo ensemesmado na ocupación que o libera, que o dilúe no aire, permanecendo suxeito tan só pola ansia de continuar. Despois, unha vez rematada a xornada, volve caer polo peso do repentino mundo, para considerar o resto das actividades posibles tarefas fútiles e improductivas, lonxe de poder ser denominadas traballo propiamente dito. Párculo: e o patrón? Póntulo: o patrón é moito máis concreto, incluso simple, se o desexas. Desvívese, como os corvos, polos obxectos brillantes e perde a conciencia para conseguilos, descuidando incluso... Párculo: ...incluso aos traballadores, que á súa vez tómano como soporte e exemplo, comportándose na casa como aquel o fixera durante o traballo, sen ver máis aló. Póntulo: Ben certo Párculo. Que grandes son as míseras miserias! Párculo: E que cheirentas. Póntulo: Tamén! Pero, afortunadamente xa non existen as clases. Pódese falar de tipos, grupos, especies, incluso dalgún especimen estraño, pero clases como ente particular e específico, non. Párculo: Entón, como lle chamarías a un grupo de individuos dunha condición semellante, con similares inquedanzas e igual grado de discriminación, positivamente, claro. Póntulo: Iso,..., ben,..., é un caso claro de manifestación ilegal. Párculo: E iso é malo? Póntulo: 'Por Dios, no! Estamos en un país democrático!' Mentres saiban manter a súa posición. Párculo: E se a súa posición consiste en levar pancartas e berrar proclamas? Póntulo: Entón, a nosa posición debe ser igualmente firme. Párculo: E se aínda enriba poñen mala cara? Póntulo: Cambiámoslla debidamente, pero sempre respectando a legalidade. Párculo: Pero, seguirían sen ser malos? Póntulo: Home! Realmente non está claro. Deixémolo en que están dirixidos por individuos malintencionados. Párculo: E serían malos? Póntulo: Por suposto! E todo mal é pouco para eles! Párculo: Que fermosas son as míseras miserias! |