Centro de Documentación da AELG
Contos por palabras
Celia Torres Bouzas
Autores/as relacionados/as:
Fonte: La Voz de Galicia

Escoiteille dicir a Agustín que ¿dun xornal, coma do porco, aprovéitase todo, se se quere aproveitar¿. E a boa fe que así o fixo en Contos por palabras . Dunha demorada recolleita de anuncios por palabras aparecidos na prensa, Agustín foi quen de agasallarnos con este marabilloso libro, un clásico xa na literatura galega, e digo literatura, sen máis cualificativos, porque estas historias son capaces de engaiolar a lectores de tódalas idades. En Contos por palabras atopamos dez relatos cheos de tenrura, de esperanza, de misterio, de crítica, de humor finísimo, onde a realidade e a fantasía se mesturan dunha maneira natural, o que nos leva a vivir unha dimensión descoñecida do mundo que cremos real. Pero o máis salientable é o poder de suxestión, a posibilidade que lle deixa ao lector de ser creador, continuador das diversas e sorprendentes historias que conforman o libro: o home que busca a chave da felicidade, o Drácula vendedor de ataúdes, o Spíderman limpa-vidros... Este libro é unha mostra da calidade da creación literaria galega. Síntase libre, lector de máis idade, e súmese a ese lema que afirma «a literatura infantil é a que tamén poden ler os máis pequenos». Con seguridade gozará.

CELIA TORRES BOUZAS, responsable de prensa de Xerais