Centro de Documentación da AELG
O Centro do Labirinto
Carme Hermida Gulías
Autores/as relacionados/as:

AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ:

 

0 CENTRO DO LABIRINTO

Col. Fóra de Xogo, Edicións Xerais. Vigo, 1997

 

No mundo cultural galego o nome de Agustín Fernández Paz é abondo coñecido, tanto na súa faceta de escritor de literatura infantil e xuvenil, coma na de autor de materiais para o ensino do idioma e de didáctica da lingua e da literatura ou coma impulsor de iniciativas dedicadas a fomenta-la innovación pedagóxica. A súa obra literaria tivo sempre o recoñecemento do público lector e da crítica e así o demostra a inclusión dun libro seu (Contos por palabras) na lista de honra da IBBY ou a concesión dos premios Merlín (As flores radiactivas), Rañolas (Cartas de inverno), Lazarillo (Contos por palabras) e EDEBÉ (Trece anos de Branca), estes dous últimos en dura competición con obras escritas en tódolos idiomas hispánicos.

A última entrega literaria de Agustín Fernández Paz, O centro do labirinto (colección «Fóra de Xogo» de Xerais), supón unha ruptura con respecto á súa producción anterior, fundamentalmente pola grande ambición que demostra o autor á hora de concibi-lo libro. Máis arriba definímo-lo de Vilalba como un autor de literatura infantil e xuvenil, pero nesta última obra existe un intento claro e definitivo, xa anunciado en Cartas de inverno, de concentrar arredor do libro non só lectores infantís e adolescentes, senón tamén persoas adultas. O intento foi logrado e a obra serve para que reflexionen, gocen e se relaxen con ela tódolos públicos.

0 centro do labirinto conta a historia de Sara, alta funcionaria do grupo dos G-12 que ten nas súas mans o goberno do mundo, e de David, o seu fillo adolescente. Despois da morte da súa nai, galega emigrante a Bruxelas, Sara decide viaxar a Galicia para percorre-los lugares que emocionaron a súa proxenitora. Nesa viaxe teima en que a acompañe David, co que pretende recupera-la comunicación. mol deteriorada pola dedicación profesional dela e pola adicción ós videoxogos del. Unha vez en Galicia os visitantes diríxense a Campo Lameiro para visita-la Laxe (Pedra no libro) dos Cabalos. Alí David descobre unha fraga e decide experimentar nela o seu videoxogo favorito. A consecuencia da súa acción é un choque do seu aeromóbil contra a póla dun carballo e a retención do rapaz ferido polas persoas que o atopan. A angustiosa busca que inicia a nai supón o principio das varias tramas que constitúen o conxunto da narración.

Dende o noso punto de vista, a maior virtude de O centro do laberinto, xunto co seu final aberto e co seu optimismo, está nas dúas tramas sobre as que se artella a novela e na variedade de temas que se tratan e encadran nelas. As dúas intrigas principais son o secuestro de David por un grupo que vive nunha ZNC e a sorpresiva e sospeitosa morte de varios colaboradores de Sara, todos eles coñecedores do contido dun demoledor informe que ela deberá presentar nun cumio dos G-12. Nestas dúas intrigas, que ó longo da novela corren paralelas para ó final acabar uníndose, agóchanse moitos temas diferentes: a conversión efectiva do mundo nunha aldea global totalmente uniformada na que todo esta controlado polo capitalismo máis brutal; a rápida e alarmante deterioración ambiental que ameaza con destruír definitivamente ese mundo de opulencia e comodidade; a resistencia de grupos de persoas ó abandono da súa cultura para seren asimiladas a unha cultura de lingua única; os conflictos xeracionais, manifestados no reencontro dunha muller co seu pasado e na reconciliación post-mortem coa súa nai despois de comprende-las súas orixes, pero tamén nas tirantes relacións que mantén co seu fillo; o espertar de dous adolescentes ó amor sexual, un tema que non é común nin na literatura xuvenil nin na destinada ós adultos. O tratamento destes contidos, que se nos presentan cunha exquisita sensibilidade e cun gran sentido crítico, está exento -e ha¡ que agradecerllo ó autor- das admonicións, moralexas e moralinas tan propias da literatura xuvenil.

Tecnicamente a obra non presenta maiores innovacións, trátase dunha narración que seque o desenvolvemento dos acontecementos na leña cronolóxica na que se producen e unicamente se permite algunha volta atrás para falarnos de aspectos da vida dos personaxes que aconteceron nun momento anterior ó relatado e que son importantes para coñece-los seus comportamentos presentes (caso da vida da nai de Sara). O elemento máis anovador é a aparición de dúas voces narradoras que rompen atinadamente co ritmo narrativo do relato: unha terceira persoa -narrador omnisciente- que coñece tódolos detalles da historia, pero que a ve dende fóra; e unha segunda voz -a de Brenda, protagonista secundaria do relato- que sabe só desa parte da historia que ela vive.

A obra está ambientada nun tempo impreciso que se pode localizar a mediados do século XXI, pero non pensamos que poida ser considerada unha novela de ciencia-ficción. Trátase dunha obra situada no futuro e que presenta situacións dese momento que se perciben claramente na actualidade, pero non achamos nada relativo ás innovacións técnicas e científicas que estean fóra das previsións actuais nin tampouco ha¡ unha deformación da sociedade, da paisaxe e da cotidianidade. De feito, unha vez dentro do relato o que máis chama a atención é o pouco que cambiou a paisaxe e a xeografía das cidades (Santiago aínda conserva o Derby e o encoro de Belesar continúa no seu sitio) e de Galicia, as características das persoas, etc. O único que nos aparta un pouco dunha realidade distinta á actual son o aeromóbil, o magatrén, a holovisión, a presencia constante do ordenador na vida das persoas, as tarxetas de gasto e o euroinglés.

En definitiva, a obra de Agustín Fernández Paz é unha pequena xoia literaria que nos servirá para entreternos coas súas intrigas, pero tamén que nos permitirá reflexionar sobre o futuro do mundo, especialmente do chamado primeiro mundo europeo, no que seica nós estamos inseridos. Hoxe os medios de comunicación véndennos un futuro esplendoroso co euro como moeda única e coa actual Europa convertida nun único estado dominado polo poder económico centrado nun maior consumo e nunha maior producción. Algunhas voces, que conseguen oírse por riba da censura dos poderes establecidos e dos intereses económicos, dinnos que esa magnifica Europa va¡ supo-la desaparición da variedade cultural, que é a maior riqueza deste continente. E unha desas voces é a de Agustín Fernández Paz, que nos abre unha vía de esperanza 6 indicarnos que aínda que se busque a uniformidade sempre haberá persoas que defendan a pervivencia da variedade propia. É certo que serán unha minoría, que se camuflarán en zonas non controladas, que vivirán con certo ascetismo e renuncia, pero tamén é verdade que estarán ó tanto dos avances da técnica, que entrarán en contacto co poder e que intentarán modifica-lo curso que seque o mundo na dirección dos seus intereses.