"Procureite na marabilla da paisaxe
propia-mente descuberta
en Murlough Bay
entre fedor de bosta de tótem vacún
que un día hamasei para selar un forno
de pan no que cocer un troque de patrias amigas
coma fanchucos megalíticos
e bolas de trémula boroa
pantrigo do país e centeo antigo
que cheiran a inverno morno
a lembranza comunal
palla mallada neolítica
e a vea aorta agradecida.
E atopei entre a ramaxe da bouza
a fronda rumorosa e espiral
que o vento segrel me canta aquí
en Murlough Bay
e neste son devecín
mentres penso en soidade
a miña vida
vida miña
angueira dun tríscele tribal
dun trébole patricio
e don fraterno".
(De "Poemario Irlandés": Murlough Bay)
"Xoana
miña Señor Muíño da Mouriña meiga
meu goio cadoiro de fariña milla recendente
e pel en coiros que ule a viño irmán
fermentado e quente
que escoa pingas de sol tremente
resoa a merlo e a paxaro azuliño
e lentura incandescente
meu gozo primeiro
rapaceiro
de forza fouciña que procura
cunha palla sacar o grilo primeiro
do teu corpo de chocolate e mazapán.
Xoana
Miña Señora Cantiga de baile de Pachanga
e lenzo amable
de paisaxe rapaciña:
¿onde fuches parar
fuxindo sempre
mazanciña
entre os meus dentes?".
(De "Poemario Irlandés": Fragmento de "Ballycastle")