Con profunda dor a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega comunica o pasamento do seu membro do Consello Directivo até 2017, o escritor Isidro Novo. Á calidade humana e á excelencia do seu múltiple traballo como creador súmase o compromiso activo e propositivo na defensa da cultura, da lingua e da literatura culta e popular. Foi vogal da AELG por Lugo e membro fundador da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG e partícipe en todas as iniciativas que esta desenvolveu (Xornadas de Literatura de Tradición Oral, Polafías, Obradoiros de Narración Oral, Letra das Festas, Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria), alén de coordinador do portal "Palabras con Memoria" da web da AELG. Destaca tamén o seu papel como excepcional guía en diversos obradoiros de creación literaria.
Estas foron as palabras da presidencia da AELG, lidas pola secretaria xeral, Mercedes Queixas, no acto de despedida celebrado o día 2 de febreiro:
Querido Isidro.
Neste día, de tan dura luz que se fai cálida só se é palabra túa, porque vive nos teus poemas que teñen o fulgor da esperanza, que son o seu canto.
Se só somos memoria dos seres que amamos e por quen fomos amados, ti, que amaches sempre a vida, vas vivir sempre na luz dos ollos da túa neta Area, dos teus fillos Bruno e Yolanda, da túa sempre compañeira Loli, de todos os amigos e compañeiros que ti abrazaches cunha aperta fraterna, esa que tira, cálida, o frío dos ósos nos días máis amargues. Amigos e compañeiros cos que compartiches os traballos, as palabras que acalman a dor que nace das feridas da nosa Terra amada, da nosa xente amada.
Sempre habitado dunha cálida humanidade que reborda ternura, ten a certeza, querido Isidro, de que imos seguir a procurarmos os eidos fértiles da nosa cultura e de todo aquilo que ti amabas e ao que dedicaches tanta sabedoría e traballo, tanto agarimo. Para que a túa palabra, para que a túa obra, continúe a levedar.
Elas tamén, as palabras que ti rescatabas para o presente, para un novo tempo coma acabadas de nacer, elas, que son lampos de luz e son xente do común, que se doen se as mancan, que rin ledas, que fan que o noso idioma siga a soster con afouteza os nosos fráxiles pés cando cansan ou desfalecen no labor; palabras que nos acollen e acariñan.
Hoxe que, coma andoriña partes para seguir a ser no País da Tenrura, no Pórtico da Gloria onde viven os bos e xenerosos, segues canda nós, querido Isidro, mao con mao a camiñar os carreiros do máis alto amor á vida, sobre esta Terra.
Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
No seu espazo da web da AELG pódese ver unha mostra da traxectoria literaria de Isidro Novo.