A AELG lamenta o falecemento de Bautista Álvarez, narrador e ensaísta de pensamento político, galego ilustre, e envíalle unha aperta fraterna á sua familia e achegados/as.
Galiza perde un home que dedicou a vida a reconstruír a nosa identidade e manter viva a nosa cultura e o noso idioma.
Así, nos anos sesenta, foi un dos fundadores do grupo Brais Pinto. Este grupo de galegos residentes en Madrid pularon polo desenvolvemento da nosa lingua e da nosa cultura. E mesmo fundaron unha editorial que se inaugurou coa publicación dun libro de poemas de Otero Pedraio.
Canda os seus compañeiros de xeración, Bautista Álvarez recibiu o premio Brais Pinto no ano 2013, un premio instituído pola Agrupación Cultural Auriense co que se recoñecía o traballo realizado pola nosa cultura, mesmo dende fóra do noso país e en plena ditadura franquista. Recibiu tamén o premio Manuel María á dignidade nacional no ano 2004.
Nese mesmo ano creouse a Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas, que el presidiu. Nesta mesma Fundación publicou unha parte da súa produción ensaística, Obra Escollida.
Na última década da súa vida, levou á creación literaria a memoria da súa infancia e mocidade cun libro de relatos (Xerais, 2013) Retallos daquela infancia, e creou unha novela sobre o drama da emigración, Cuarto minguante (Xerais, 2015).
Que a terra lle sexa leve.