A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou a súa Asemblea Xeral de Socios/as
13/2/2016

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou na mañá do sábado 13 de febreiro a súa Asemblea Xeral de socios/as, que acordou outorgar a Dolores Macías Pose, e a Mini e Mero os PremiosMestres/as da Memoria 2016, galardóns que se entregarán na I Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria a celebrar en Lugo o 19 de marzo; tamén o nome do Escritor/a Galego/a Universal 2016, distinción que se recollerá Pere Gimferrer na I Gala do Libro Galego que terá lugar o 14 de maio na cidade de Santiago de Compostela. Así mesmo, acordouse que Helena Villar Janeiro sexa a próxima“Escritora na súa Terra – Letra E” e, por tanto, quen reciba unha homenaxe que este ano chega á súa vixésimo segunda edición; será no mes de xuño no Concello de Rianxo.


Aprobouse o programa de actividades para o ano, que inclúe como a máis próxima acelebración do vindeiro Día de Rosalía de Castro; o programa aposta por continuar con actividades de traxectoria xa asentada e de alcance social como son os paseos literarios ou os obradoiros da Escola de Escritoras e Escritores; tamén a organización ou corganización de xornadas de formación dirixidas ao estudo das diferentes formas de crear literatura contemporánea desde os espazos de formación de novos formadores/educadores/mediadores da lectura. Tamén se reforza o proxecto coordinado pola Sección de Literatura Oral coa celebración dunha Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria e a través da celebración de novas polafíase dunha nova edición, a novena, da Xornada de literatura de tradición oral. Asemade, a visibilidade da escritora e do escritor a través da web continuará a ser un eixo central da actuación da entidade co enriquecemento do espazo común e mais de cada páxina individual con que cada Socia/o conta no Centro de Documentación da web da AELG.

Tamén se acordou a incorporación de tres novas vogalías ao Consello Directivo da AELG, as de Ledicia Costas por Vigo, Ramiro Torres como responsábel de comunicación, e mais Afonso Becerra como vogal de literatura dramática.

Anunciouse a creación dunha Sección de literatura dramática e confirmouse a participación activa da AELG na plataforma Seguir creando.